








|
Que estraños somos os seres humanos, que complicados psicoloxicamente e que marabillosos ao mesmo tempo. Temos medo. Polo xeral, o medo é unha sensación arrepiente provocada polo temor ao descoñecido, esas cousas para as que non temos explicación ou esas situacións que se producen cando non podemos usar todos os nosos sentidos en condicións plenas. Por ejemplo, perdernos na escuridade nocturna dunha fraga e escoitarmos sons que non podemos identificar, ou, ¿Porque non?, paramos a pensar que imos morrer todos os que agora estamos gozando desta mostra, sen remedio ningún. Iso si, gustaríamos morrer de moitas formas, antes que morrer de medo.
Porén, ¿cantas veces non gozamos desa sensación movidos por unha especie de impulso masoquista? Desde que somos nenos intentamos convivir co medo e sabemos tamén que non está precisamente fóra, senón que o levamos dentro.
Unha das fórmulas para aprender a vivir con el é a especulación, a ficción, relatos, contos, películas, banda deseñada, música,etc. Así intentamos vacinarnos desa sensación ata tal punto que o abuso desta vacina acaba captando adeptos. Podemos enfatizalo e tamén podemos satirizalo, pero non podemos vivir sen o medo, e calquera destas vías de representación teñen lugar nesta exposición, creada para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, co apoio da Consellería de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
Nesta mostra AGPI reúne 20 escritores e 20 ilustradores galegos, que crean pequenas historias ou reflexionan a partir deste concepto universal. Porque ¿Qué mellor fonte de inspiración para os artistas que o descoñecido? Non hai límites nin barreiras; nada está prohibido nesta sinistra materia. De feito, existen as ánimas en pena que camiñan soas, e tamén as que pasean xuntas na Santa Compaña, ata que alguén demostre o contario.
Chegados a este punto, tan só resta decir: “Apaga a luz. ¡ Quero Medo! |